QUE É O ARCHIVO DIGITAL VALLE-INCLÁN/USC?

O archivo digital valle-inclán é o resultado de máis de vinte anos de traballo realizado polo Grupo de Investigación Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela (GIVIUS), cuxa actividade investigadora, baixo a dirección de Margarita Santos Zas, levouse a cabo dende 1994 ao amparo de sucesivos proxectos de I+D+i, subvencionados polo Ministerio de Educación e Ciencia, Ministerio de Ciencia e Innovación, Ministerio de Economía, Industria e Competitividade / Fondos FEDER e a Xunta de Galicia.

O fondo bibliográfico e documental do GIVIUS, que constitúe a orixe e soporte do archivo digital valle-inclán, é produto da adquisición paulatina das obras do autor publicadas en vida—hoxe na Biblioteca da USC (BUSC)—, e da persistente indagación hemerográfica en bibliotecas locais, nacionais e internacionais, que permitiu recompilar unha extensa tipoloxía de material textual, iconográfico e gráfico, fundamental para reconstruír ou documentar episodios biográficos de Ramón del Valle-Inclán, o seu pensamento estético e político, o peculiar proceso de escritura e publicación das súas obras, así como trazar a traxectoria e posición da produción valleinclaniana no campo literario do seu tempo.

O corpus impreso (bibliografía e documentación) do escritor galego, compilado polo GIVIUS, está constituído por 4.500 documentos aproximadamente ―máis do 80% proceden da prensa da época―, que traducidos a imaxes dixitais (tarefa efectuada baixo a dirección de Javier Serrano Alonso ao fronte do proxecto INCITE09 263 078PR), superan a cifra de 80.000. A sistematización e explotación deste vasto corpus, obxectivo principal do GIVIUS, requiría a posta en marcha dunha base de datos e o desenvolvemento dunha ferramenta web que permitise a catalogación, visualización, consulta e exportación da información contida. Tratábase de conseguir que a documentación falase por si mesma e respondese a todo tipo de cuestións relacionadas coa vida e obra de Valle-Inclán do tipo:

  • Cantas son as edicións de Sonata de Primavera?
  • Cales son as edicións e os textos ou fragmentos en prensa de Flor de Santidad?
  • Que títulos se editaron na Opera Omnia?
  • En que publicacións xornalísticas, edicións do autor e antoloxías se editou o relato “El miedo”?
  • Quen traduciu a Valle-Inclán?
  • Con que destinatarios se carteou nunha data determinada?
  • Que textos foron incluídos en antoloxías?
  • Que entrevistas concedeu a un determinado escritor e/ou xornalista?
  • Que textos foron traducidos?
  • Que cartas remitiu á súa esposa ou amigos?
  • Que publicacións arxentinas recollen textos do escritor nun arco de datas determinado?
  • Que textos e con que frecuencia apareceron na páxina literaria de El Imparcial?
  • Onde e que conferencias impartiu?
  • Quen o retratou?
  • Que ilustracións de El Embrujado foron reutilizadas para ilustrar outros títulos?

E un longo etcétera ao que o archivo digital valle-inclán pode responder cumpridamente.

A base de datos que dá soporte ao archivo digital valle-inclán é a implementación dun complexo modelo conceptual de datos, formalizado nun Diagrama Entidade-Relación (DER), que describe:

  1. A documentación impresa e recepción iconográfica de Valle-Inclán entre 1888-1936: edicións e emisións das súas obras, textos de creación publicados en prensa, artigos, prólogos, traducións, entrevistas, conferencias, discursos, cartas, caricaturas, retratos, fotografías e ilustracións das súas obras.
  2. A rede de relacións tecida polo escritor no desenvolvemento da súa actividade literaria, social, política e cultural, cos «axentes» —editores, tradutores, autores, prologuistas, dedicatarios, destinatarios, asinantes de carta pública, xornalistas, entrevistadores, ilustradores, caricaturistas, retratistas, fotógrafos, caricaturizados, retratados, fotografiados— e «organismos» —institucións, editoriais, imprentas, publicacións periódicas— cos que directa ou indirectamente se relacionou.

Este complexo modelo ofrece, polo tanto, máis alá da documentación primaria da obra literaria do escritor, unha valiosa información relacional —extraída do modelo de datos a partir da labor previa de investigación do equipo académico—, que constitúe un elemento clave para conformar a poliédrica figura do escritor, analizar a súa posición e traxectoria no campo literario da época, e abrir noutras direccións as investigacións en torno á Idade de Prata.

Non é, polo tanto, o archivo digital valle-inclán simplemente un repositorio ou biblioteca dixital da obra do escritor, senón que constitúe un potente recurso de investigación, grazas ao modelado de datos e ao Buscador Avanzado deseñado, que permite, entre outras posibilidades, obter nunha consulta a historia textual dunha obra —información fundamental para realizar unha edición crítica—; rastrexar concordancias; ou visualizar a rede de relacións tecida polo escritor cos axentes e organismos consignados. De aí a aspiración a constituír un modelo de «Arquivo Dixital de Autor», é dicir, un modelo de preservación e explotación dun arquivo de autor, de referencia tanto para especialistas como para investigadores, profesores, estudantes, e todo aquel interesado no escritor galego e na súa época.

Colaboracións externas

Pode aportar documentación ao Archivo Digital Valle-Inclán?